Esta semana Cuevas e Cía recibiu a visita de máis dunha vintena de alumnos e profesores do CIFP A Xunqueira (Pontevedra) e do IES Antón Losada Diéguez (A Estrada), porque están a investigar novas aplicacións para as cascas das castañas.
A visita estivo guiada por Rocío Cid, xerente de Cuevas e Cía, que compartiu co grupo a nosa aposta polo aproveitamento integral do froito. Na elaboración dos nosos produtos xéranse anualmente varias toneladas de casca, un material natural que hoxe comeza a mostrar novas potencialidades.
Os estudantes traballan no proxecto “Natureza e Innovación: Taboleiro con Alma Sostible”, que ten como obxectivo o desenvolvemento dun taboleiro ecolóxico fabricado a partir da pel da castaña. Despois, con ese material, o alumnado dos ciclos de “Madeira e Moble” planean crear mobiliario auxiliar, elementos decorativos e mesmo prototipos de embalaxes sostibles para produtos como a nosa alma de bosque, o marron glacé.
Desde Grupo Cuevas tratamos de impulsar iniciativas como esta, que fomentan a sustentabilidade, o talento novo e a innovación aplicada á nosa contorna. Converter un subproducto nun recurso é avanzar cara a unha economía máis circular e responsable.
