Un ano máis, Grupo Cuevas anuncia unha nova edición do Concurso Gourmet, que se celebra no marco de actividades do 27º Salón Internacional de Turismo Gastronómico “Xantar”, organizado por Expourense do 19 ao 22 de novembro de 2026.
O obxectivo deste certame é promover o uso da castaña en todo tipo de cociñas, tanto nas receitas máis tradicionais como naqueles pratos máis experimentais ou innovadores. A castaña foi un froito básico de moitas dietas, polo que a través deste concurso preténdese reivindicar e redescubrir o papel que desempeña na cociña actual.
Poderán participar todas as persoas maiores de 18 anos, profesionais ou afeccionados á cociña, a título individual ou representando a unha asociación, escola ou colectivo, e tanto de forma individual como en grupo (máximo tres persoas por candidatura). Os pratos serán de libre elección, co requisito imprescindible de utilizar produtos de Cuevas, coa castaña en calquera das súas formas e presentacións ou baixo calquera fórmula innovadora.
O xurado seleccionará tres finalistas, que deberán elaborar a súa receita en directo durante Xantar o xoves 19 de novembro, de 18.00 a 19.30 horas. Cada un dispoñerá de 25 minutos para realizar un showcooking ante o xurado e empratar a súa receita para catro comensais. Valoraranse a presentación, a aplicación da castaña ao prato, a dificultade de elaboración, o gusto e o aroma, e a orixinalidade e creatividade.
O gañador obterá un vale de compra de 300 € para trocar nos supermercados Plenus, Aquié ou nos centros Cuevas Cash de toda Galicia, alén dun lote de produtos Cuevas Chef. Os premios entregaranse o domingo 22 de novembro durante a clausura oficial de Xantar.
Os interesados poderán presentar a súa solicitude ata as 13.30 horas do mércores 11 de novembro, no teléfono +34 988 36 60 30 ou a través do correo marketing@expourense.org.
Ver imaxe
