- A cifra de negocios consolidada alcanza os 244,7 millóns de euros, un avance do 5% respecto a 2024.
- O grupo pecha o exercicio con 1.323 empregados, o maior persoal da súa historia.
- Desde 2018, Grupo Cuevas mobilizou máis de 59 millóns de euros en investimentos.
- A rede comercial suma 153 puntos de venda e máis de 81.600 m² de superficie en Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León, duplicando o seu tamaño nos últimos oito anos.
Grupo Cuevas pechou o exercicio pasado cunha cifra de negocios consolidada de 244,7 millóns de euros, o que supón un avance do 5% respecto a 2024 que afianza a traxectoria de crecemento sostido do grupo no noroeste de España. Nunha perspectiva de longo prazo, a evolución resulta especialmente significativa: nos últimos oito anos, a facturación do grupo hase máis que duplicado (+141%), impulsada polo crecemento orgánico da rede propia e franquiada e pola incorporación de novas liñas de negocio.
O maior persoal na historia da compañía
Grupo Cuevas pechou 2025 con 1.323 empregos directos, un 3,3% máis que en 2024 e o maior persoal da súa historia. Esta cifra reafirma a forte expansión rexistrada o ano pasado, froito da incorporación ao equipo de medio milleiro de persoas provenientes da operación de integración de 29 novas tendas en Asturias. A chegada a Grupo Cuevas deste colectivo elevou o emprego desde os 833 traballadores de finais de 2023 ata superar os 1.300 a peche de 2025, e que alcanzaron os 1.550 co emprego xerado na liña de franquías Spar Express. Nunha perspectiva de oito anos, desde o inicio do proxecto de cambio de sede central na Cidade do Transporte en Ourense, o persoal do grupo creceu un 162%, pasando de 505 a 1.323 traballadores, reflexo do compromiso da compañía coa creación de postos de traballo estable en todos os territorios nos que opera.
Compromiso co territorio e a xeración de riqueza
A rede comercial de Grupo Cuevas suma na actualidade 153 puntos de venda e máis de 81.600 metros cadrados de superficie de venda, entre establecementos propios e franquiados, distribuídos en Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León. Esta cifra duplica o tamaño da rede coa que o grupo contaba hai oito anos, en liña coa súa estratexia de consolidación territorial no noroeste de España.
Galicia continúa sendo o mercado de referencia do grupo, coa maior concentración de puntos de venda, mentres que Asturias rexistrou o maior impulso expansivo dos dous últimos exercicios, por mor da incorporación da rede de supermercados SPAR procedente da operación realizada con Alimentos El Arco, que permitiu a Grupo Cuevas reforzar de forma significativa a súa presenza no Principado.
Xunto á rede de proximidade, a liña de cash & carry (Cuevas Cash) suma 25 establecementos e máis de 32.000 metros cadrados de superficie, consolidándose como un dos formatos máis dinámicos do grupo. A nivel loxístico, Grupo Cuevas opera desde catro plataformas que superan en conxunto os 34.500 metros cadrados: a sede central na Cidade do Transporte de Ourense (18.000 m²), a plataforma de froitas e hortalizas Frunatur, tamén en Ourense (3.500 m²), o almacén de Rozamentos en Xixón (9.700 m²) e a plataforma de froita, peixe e charcutería en Mercasturias (3.300 m²).
O compromiso de Grupo Cuevas co territorio e os produtos locais e rexionais da súa área de actuación reflíctese tamén na súa política de aprovisionamento. Durante o exercicio 2025, o grupo destinou 81,1 millóns de euros —o 37,3% do seu volume total de compras (217,6 millóns de euros)— a provedores situados nos territorios nos que opera. Galicia concentrou a maior parte deste esforzo, con adquisicións por valor de 62,7 millóns de euros, seguida de Asturias con 12,6 millóns e Castela e León con 5,8 millóns. Esta aposta por provedores rexionais non só contribúe á dinamización económica local, senón que garante cadeas de subministración máis curtas e sostibles, unha maior frescura do produto e unha oferta diferencial adaptada aos gustos e tradicións de cada mercado.
Investimentos sostidos con máximos históricos
A traxectoria investidora do grupo mostra a capacidade de adaptar o seu esforzo ás necesidades e oportunidades de cada momento, cun investimento acumulado que supera os 59 millóns de euros durante o período 2018-2025. Tras uns niveis elevados nos primeiros anos do período —6,7 M€ en 2018 e 8,8 M€ en 2019—, o grupo axustou a súa actividade investidora en función das prioridades estratéxicas de cada exercicio, para retomar a partir de 2022 unha senda de maior intensidade, con cifras ao redor dos 5,7 M€ anuais en 2022 e 2023. Este impulso culminou en 2024 cun máximo histórico de 16,6 M€, multiplicando por máis de seis o investimento respecto a 2021 e superando nun 148% a cifra de 2018. O exercicio 2025, con 4,4 M€, reflicte a natureza dinámica da xestión de Grupo Cuevas para acelerar o seu investimento de forma selectiva cando se dan as condicións e as oportunidades estratéxicas necesarias.
Pola súa banda, o conxunto do grupo destinou máis de 18 millóns e medio de euros (18.635.751 euros) en contribucións tributarias durante o ano 2025, que se traduce nun 7,5% do total da facturación de Grupo Cuevas en concepto de achegas ás arcas públicas.
Un exercicio esixente e complexo
O EBITDA consolidado do conxunto do grupo situouse en 6,82 millóns de euros, un descenso do 39% respecto aos 11,18 millóns de 2024 que responde a unha combinación de casuísticas conxunturais que se proxectaron ao longo do exercicio.
O propio contexto de mercado, marcado por unha menor inflación e un consumo máis contido, reduciu a marxe de manobra de todo o sector. Ademais, a compañía realizou un gran esforzo investidor co obxectivo de mellorar as condicións laborais das persoas que traballan en Grupo Cuevas. A estas cuestións súmase tamén o proceso de integración das tendas procedentes de Alimentos El Arco. Incorporadas en 2024 a través da sociedade O Economato de Cuevas e convertidas hoxe nos supermercados SPAR en Asturias atópanse aínda en fase de axuste e mellora operativa, como é habitual en operacións corporativas desta natureza.
O conxunto destes factores explica que a rendibilidade da compañía se haxa visto afectada nun exercicio que guinda un crecemento en vendas e máximos histórico en marxe bruta.
Artur Yuste, director xeneral de Grupo Cuevas, expón que “nos atopamos nun momento de transición, no que se moderou a inflación alimentaria, e que explica en boa medida que os crecementos en valor sexan agora máis contidos. Tivemos que compaxinar o crecemento sostido do noso negocio principal coa integración dunha operación corporativa de gran calado. Aos retos propios de calquera proceso de integración sumáronse circunstancias conxunturais que impactaron de forma directa na nosa rendibilidade. Igualmente, o negocio principal do grupo mantén un ritmo sólido e estable, seguimos investindo na modernización da nosa rede e continuamos firmes no noso compromiso co territorio. Confiamos en que 2026 sexa o exercicio no que seguir xerando riqueza e valor ao conxunto da sociedade en forma de servizos e emprego alí onde poidan resultar útiles.”
Proxectos de crecemento e consolidación dun modelo de negocio
Grupo Cuevas xa está a executar un plan de mellora centrado na experiencia de compra, o produto fresco e a atención ao cliente en diferentes puntos de venda, co obxectivo de normalizar a súa contribución aos resultados ao longo de 2026. Este plan enmárcase nunha axenda máis ampla de proxectos que a compañía está a impulsar de forma simultánea en distintos ámbitos da súa actividade como a apertura de Cuevas Cash en Lugo, nunha nova localización: un novo emprazamento con maior superficie, mellores servizos, novas seccións de produto fresco e unha variedade ampliada. A remodelación do supermercado SPAR situado na localidade asturiana do Entrego, como parte dun ambicioso plan de modernización da rede asturiana. A intervención responde o convencemento de Grupo Cuevas de que o acceso a un supermercado de proximidade de calidade é un servizo esencial para calquera comunidade, e ao seu compromiso firme coas persoas que elixiron vivir nestas localidades. A aposta pola automatización loxística co obxectivo de gañar eficiencia operativa, reducir os tempos de preparación de pedidos e mellorar a xestión integral da almacén. E, como parte da estratexia de crecemento, a apertura de novos Spar Express (rede de franquías) nas que Grupo Cuevas realiza o acompañamento integral aos pequenos emprendedores que se incorporan ao ámbito da distribución alimentaria. Grupo Cuevas reforza así o seu papel como panca de desenvolvemento do comercio de proximidade nos territorios nos que opera.
