Grupo Cuevas xa seleccionou a proposta gañadora para o seu desafío na presente edición de InnovaTech FP, unha iniciativa que conecta o talento mozo da Formación Profesional coas necesidades reais do tecido industrial galego.
O proxecto galardoado foi o “Proxecto re-volta: auga de castañas”, desenvolvido polos alumnos María Salgueiro, Iker Fachal, David Martínez e Carina Palacios, pertencentes ao CIFP Ferrolterra.
Un modelo de economía circular para o Marron Glacé
O reto plantexado por Cuevas y Cía xiraba arredor da optimización do proceso de elaboración do seu produto estrela: o Marron Glacé. A misión dos participantes consistía en deseñar un sistema de depuración, reciclaxe e aproveitamento da auga utilizada no pelado e a cocción da castaña. O obxectivo final era dobre: reducir drasticamente o consumo hídrico e mellorar a eficiencia enerxética do proceso.
A proposta do CIFP Ferrolterra destacou por romper co enfoque tradicional de “limpar, utilizar e tirar”. No seu lugar, plantexa transformar a xestión hídrica da planta de produción nun modelo de biorrefinería circular, logrando que os efluentes industriais se convertan en novos recursos que regresen de forma continua ao ciclo produtivo.
Durante o evento de clausura, o Conselleiro de Educación da Xunta de Galicia destacou a fortaleza da Formación Profesional na comunidade e gabou o gran nivel do alumnado nesta edición de InnovaTech FP, na que colaboraron un total de 20 empresas.
Identidade, tradición e futuro
Desde Grupo Cuevas quixeron felicitar publicamente ao equipo gañador pola súa solvencia técnica e a súa capacidade de innovación ante un reto crítico para o sector. Así mesmo, a compañía fixo extensible o recoñecemento ao resto de participantes e á organización do programa.
“Para nós, a castaña é identidade, tradición e futuro. E proxectos coma este axúdannos a seguir explorando novas formas de facer as cousas mellor”, conclúen desde o grupo empresarial.
